jueves, 25 de marzo de 2010

Axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo

Destinatarios
Poderán ser beneficiarios deste programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter residencia habitual fóra de Galicia.
b) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de galego ata o segundo grao de consanguinidade.
c) Ter nacionalidade española.
d) Atoparse vinculado con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aqueles solicitantes que teñan 18 ou máis anos á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
e) Ter unha idade entre 14 e 20 anos, o 30 de xuño do ano da convocatoria, para os participantes en actividades de campamento.
f) Ter unha idade entre 18 e 30 anos, o 30 de xuño do ano da convocatoria, para os participantes en campos de traballo.
g) No caso dos solicitantes de actividades de campamentos, non ter participado en edicións anteriores nesta modalidade.
h) No caso de solicitantes en campos de traballo, non ter participado en edicións anteriores na modalidade de campos de traballo.
i) Non contar a unidade económica familiar con ingresos superiores, en renda per cápita, a 2.5 veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente, de referencia para o ano da convocatoria, do país de residencia do solicitante, agás os solicitantes residentes en Cuba, en que os ingresos non poderán ser superiores á prestación económica por ancianidade establecida polo Estado español para o ano da convocatoria.

Características
Actividades de campamento (336 prazas)
O programa desenvólvese en dúas quendas diferentes con actividades tamén diferenciadas:
Na quenda do 1 ao 12 de xullo ten lugar a actividade Galiza: verde e azul, que busca proporcionar aos mozos e mozas de fóra de Galicia un mellor coñecemento da nosa terra; residirán os participantes -con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos- en dúas instalacións: seis días na zona de interior (no Camp. Xuvenil Os Chacotes, Palas de Rei (Lugo) e seis días na zona de costa (no albergue xuvenil de Gandarío-Bergondo (A Coruña), permanecendo en tendas de campaña no primeiro caso e nun albergue, en cuartos compartidos, no segundo.

Na segunda quenda, do 17 ao 28 de xullo, teñen lugar as Rotas coñece Galicia, a través dunha actividade de campamento itinerante, residindo os participantes -con idades comprendidas entre os 14 e os 20 anos- en tres instalacións de tipo albergue ou residencia xuvenil (en cuartos compartidos), cunha permanencia duns 4 días en cada unha delas.

Campos de traballo (40 prazas)
Para participantes con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, en modalidades tales como: arqueoloxía, animación sociocultural, social, ambiental. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental do noso contorno e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de animación, de lecer e tempo libre.

Prazo de presentación
Ata o 10 de abril de 2010 (inclusive)

Lugar de presentación
Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires
 
http://www.galiciaaberta.com/files/resolucioncampamentos.2010.pdf

Programa de viaxes "Reencontros na casa" para residentes no exterior 2010

O programa Reencontros na casa está orientado a promover o contacto dos galegos residentes no exterior coa súa terra e cos seus familiares, fortalecendo así os vínculos de unión con Galicia.


Destinatarios
Poderán ser solicitantes deste programa aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
Ser emigrante galego.
Ter a nacionalidade española.
Residir en América.
Ter cincuenta e cinco anos ou máis de idade contados na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes a Galicia desta secretaría xeral.
Que poidan valerse por si mesmos e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e que estean en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.
Ter familiares de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estancia en Galicia.
Ter ingresos inferiores a tres veces o importe das pensións asistenciais por ancianidade do Estado español, fixado no ano da convocatoria para o país de residencia.
Persoas unidas por matrimonio, unión de feito ou relación análoga aos emigrantes galegos solicitantes do programa.
Tamén poderán ser solicitantes os fillos/as de emigrantes galegos que teñan a condición de galego.

Características
A condición de beneficiario/a deste programa quedará supeditada ao pagamento, dentro do prazo establecido no seu momento, da porcentaxe correspondente da pasaxe de avión.
Os participantes poderán permanecer cos seus familiares en Galicia ata completar un período máximo de 3 meses, e serán pola súa conta todos os gastos de aloxamento, manutención e calquera outro derivado da súa estancia en Galicia.
Os beneficiarios/as deberán ingresar, na axencia de viaxes designada, a parte que lles corresponda do importe do billete, cunha antelación de 20 días naturais á data sinalada para a realización da viaxe.

Prazo de presentación

Ata o 22 de Abril de 2010 (inclusive)

Lugar de presentación
Delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires
http://www.galiciaaberta.com/files/DOG_Reencontros_na_casa_2010.PDF